Nubes de evolución - Andrea Maceiras

[literatura xuvenil]

Esta histora dedica cada capítulo a un dos seus personaxes principais: Amanda, Uxío e Luís. Así imos coñecendo mellor as súas formas de actuar, de pensar e de vivir. Son persoas diferentes cun pasado complicado, levan ás costas unha mochila chea de responsabilidades e dores que non as deixan evolucionar e as manteñen nun bucle que parece complicado abandonar. Mais se queremos crer no destino e nas casualidades, podemos pensar que unha frase na estación de autobuses cambiará a vida deles tres e axudaraos a salir desa tristeza e dese enfado consta
nte no que viven.


Son tres persoas moi distintas que aparentemente pode parecer que non teñen nada en común, pero despois de ir descubríndoos pouco a pouco en cada capítulo saberemos que as nubes de evolución e unha canción dos Rolling Stones uniraos para darlles forzas e saír así dese bucle.


A miña personaxe favorita é Luís. A tenrura que desprende, incluso neses momentos onde os seus comportamentos son inadecuados e aínda non sabemos o porqué, fixéronme conectar con el e velo dunha forma moi humana. De feito sorprendeume moito porque Amanda é un personaxe co que en principio sentirme máis identificada (idade, independencia familiar, soidade, responsabilidades...) pero foi Luís quen se gañou un oco no meu corazón para sempre. Tampouco sei explicalo moi ben, simplemente hai personaxes que aparecen en momentos nos que parece que os precisábamos para agarrarnos un pouco máis a esta vida que por veces se fai costa arriba.

Como dato gracioso cóntovos que estaba esperando polo fontaneiro mentres o remataba e non paraba de chorar e pedir que por favor non timbrase porque íase atopar cunha rapaza chorando e suspirando sen contexto. Por sorte non apareceu ese día e puiden chorar durante un bo anaco 😂😂😂


Comentarios

Publicacións populares deste blog

mazá da horta 🍎

La campana de cristal - Sylvia Plath