La campana de cristal - Sylvia Plath



Este libro, onde a protagonista é un álter ego da autora, foi escrito en 1953 mais non se publicou ata 1963, poucas semanas antes de que Sylvia Plath se suicidase.
Nel coñecemos a historia de Esther, unha moza nova en etapa estudantil nos anos cincuenta en Nova York, e imos camiñando da súa man para repasar as súas vivencias ata que ten que buscar axuda des profesionais da saúde mental (unhes profesionais que naquela época deixaban moito que desexar!).
A primeira parte do libro céntrase máis nas súas vivencias e estudos, e na segunda xa se nos presenta esta parte da súa vida onde enferma e empeza a ter ideas de suicidio.
A protagonista fálanos das múltiples citas e relacións que tivo con varios mozos e que non remataron ben, entre eles Buddy Willard ou Irwin, aos que lle teño especial asco. Nas súas relacións sentimentais e sexuais vemos a necesidade tan importante de falar, de concienciar, de establecer relacións saudábeis de parella ou compañeires sexuais dende o respecto mutuo, dende a comunicación. Algúns dos acontecementos que aquí se relatan continúan pasándolle ás nosas compañeiras a día de hoxe nun mundo onde temos a información nun só segundo cun click, onde podemos informarnos por vía lectora ou audiovisual tanto en Internet como portal como en redes sociais como Instagram onde existen milleiros de proxectos de divulgación. Mais a contra disto é que con ese só click tamén podemos acceder a información que pretende espallar todo o contrario, véxanse os múltiples foros onde se comunican os compoñentes da noxenta manosfera.
Tamén coñecemos as súas compañeiras de estudos e aquelas que ten máis tarde na clínica onde permanece ingresada, vemos aquelas coas que se leva mellor e comparte conversacións.
Para min, o máis impactante desta obra é como a autora fala do suicidio dunha forma tan natural, tan fría, tan idílica
vemos os pensamentos dunha persoa con problemas de saúde mental de primeira man contados por ela mesma. Conseguín conectar e empatizar moito con ela, tiven un momento baixo na metade da obra onde me atopaba perdida, pero despois remontou e acabei sentindo a Esther como se fose unha amiga. De feito, cando rematei este libro e comecei o seguinte custoume moito saír da ambientación e da narración del para centrarme no novo.
Foi a lectura que me acompañou durante a corentena por covid-19 e sobre as que tiña unhas expectativas moi altas, pero podo dicir que foi unha compañeira xenial e que para nada me defraudou. Iso si, como comentei con algunha compañeira, gustaríame ler tamén sobre a súa vida neses dez últimos anos.
E vós, lestes a Sylvia Plath? Coñecedes máis libros que falen da saúde mental así en primeira persoa? Acepto recomendacións.

Podedes atopar aquí a recensión en instagram.

 

Comentarios

Publicar un comentario

Grazas!

Publicacións populares deste blog

mazá da horta 🍎

Nubes de evolución - Andrea Maceiras